Centenario Emilia Pardo Bazán

Achegas á celebración da imprescindible escritora

Á miña tía Ángela, no alén e tan presente

Este mes de maio celébrase o Centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán. Non é unha nova invitada a este blog; Pardo Bazán entrou a formar parte destas páxinas hai uns cantos anos, cando me enfrontei ao reto de escenificar e interpretar un texto da autora nun Simposio Internacional*, na súa propia casa; co seu propio mobiliario. 
Un esforzo compensado coa relevancia do público asistente, todas persoas especialistas nos múltiples aspectos da inmensa obra de Pardo Bazán: novelística, periodismo, pensamento, crítica, biografías,  teatro. 
Nun dos artigos do blog, verán un fotograma da estrea de El vestido de boda, unha das pezas breves ata ese momento non representados. Pero a ocasión merecía a pena.

Programa de man para a representación
da peza El vestido de boda
Non poido citar as figuras que me entusiasmaron, que foron bastantes dese I Simposio sobre Emilia Pardo Bazán, "El Estado de la cuestión" (2004), pero dunha destas persoas gardo un gratísimo recordo: Nelly Clemessy (finada en 2017) tradutora ao francés de Los Pazos de Ulloa, "Les Chateau de Ulloa", coa que tiven a sorte de compartir unha mesa de tradución, xunto ao tamén tradutor ao italiano dos contos de Pardo Bazán, Danilo Manera.
Nelly Clemessy, unha eminencia, fundadora e impulsora dos estudos de español na Universidade de Niza, entrou na miña investigación sobre Pardo Bazán cando inda estudiaba a carreira de Filoloxía. Os seus estudos Emilia Pardo Bazán, romanciére (1973) tardaron dez anos, en ser publicados en español (FUE, Madrid, 1981-1982), revelan a esencia prosística da escritora coruñesa.
Nelly Clemessy deulle sentido a un mundo que daquela eu condensaba na imaxe dunha treintena de tomos co lombo vermello, que a miña tía Ángela atesouraba nunha vitrina. "Cuando yo ya no esté, serán para ti". E así foi.

Fun separando os exemplares das novelas, contos, viaxes, teatro, como quen separa a siameses con terror á soidade. Desprendéndoos coa cautela que obriga a protexer pezas de máis de cen anos. 
Ao coidado sumábase o respecto á súa orixe; formaban parte dun lote que comprara o meu avó, Pepe Bar, xunto con títulos de Concepción Arenal, as Obras Completas de Rosalía de Castro, e outros clásicos máis; un agasallo para a súa prole.  
En fin, que asomarme a aquelas obras completas de Pardo Bazán, casi resultou un acto heroico. 

A miña tía Ángela foi crucial, para a aproximación; animoume a lela coa introdución da biografía de Carmen Bravo Villasante, sobre Doña Emilia, moi pintoresca e amena. 
Pasaba xornadas falando de Pardo Bazán coa miña tía, coma se dunha amiga se tratase.
Todo isto contáballo a Nelly Clèmessynalgún almorzo ou xantar que tiven a oportunidade de compartir con ela naquel Simposio de 2004, na Casa de Tabernas; captando a súa atención cun discurso emotivo, pero tamén agardando o seu criterio sobre o veto vixente neste ámbito cultural, de  traducir  -La piedra angular- e, en xeral, a Pardo Bazán, ao galego. 

Fotograma da representación de El vestido de boda 
Quedou co meu exemplar de A pedra angular* (Xerais, 2003) e, ás poucas semanas, mandoume desde Niza unha garimosa postal, confirmándome o que quería escoitar: que Dona Emilia se sentiría moi orgullosa de terse lido en galego, unha lingua rica e expresiva que de ter vivido nestes tempos, tamén ela frecuentaría.

Foi un verdadeiro honor coñecer a Clèmessy; unha casualidade como a desa estudiante francesa que chegou a La Coruña para estudar español nos anos 50 e se prendou de Pardo Bazán.
Neses tomos de Emilia novelista, verqueu Clemesy o seu entusiasmo, e o detonante nos estudos sobre Pardo Bazán, o noso deleite compartido.

*A pedra angular (Xerais, 2003). Trad. e introducción Mónica Bar Cendón.
Colección As literatas, dirixida por María Xosé Queizán.

Naquel primeiro Simposio, onde presentei a miña ponencia sobre "A tradución de A pedra Angular", celebrouse na Casa Museo de Pardo Bazán, sede da Real Academia,con este título: I Simposio Emilia Pardo Bazán: “El estado de la cuestión”, 2004. As actas foron publicadas ao ano seguinte. No IV Simposio: Emilia Pardo Bazán y las artes del espectáculo, 2007, presentei o monólogo "El vestido de boda".
Nas actas do seguinte congreso, e último, publícase o relatorio: "Emilia Pardo Bazán desde o Método Stanislavski".

(Vid. el artículo de JM. González Herrán para La Tribuna a Nelly Clèmessy, con motivo do pasamento de Nelly Clèmessy) Dialnet-EnLaDesaparicionDeLaMaestraYDecanaDelPardobazanism-6683376.pdf

Seguinte artigo, a modo de agradecementos debidos e nunca expresados públicamente


Agradecementos: á Catedrática da UNED Ana María Freire López, quen me dirixiu o traballo de investigación "Emilia Pardo Bazán en el Ateneo de Madrid".  Ao Catedrático da Universidade de Santiago, José Manuel González Herrán, por desafiarme a montar o monólogo de Pardo Bazán. Pero tamén ao, daquela, Presidente da Academa (RAG) Xosé Ramón Barreiro, por posibilitar que aqueles magníficos encontros internacionais se poidesen desenvolver, con todo luxo de atencións e de palestristas locais e de alén dos mares. 
A María Xosé Queizán por deixarme elixir unha peza de Pardo Bazán, para a Colección selecta de As literatas. E por suposto un recordo emocionado á miña tía Ángela, quen me abriu os ollos ao mundo pardobazaniano (e a outros moitos máis) desde moi nova. 

A todas esas persoas que motivaron o meu regreso efímero ao teatro. Algunhas nese programa de man. A peza representouse máis veces, tamén en galego, cunha coidada tradución de Manuel Forcadela. E pechou os actos dun Master de Artes Escénicas da Universidade de Vigo, onde me invitou Montse Ribao, experta no teatro de Pardo Bazán, e quen publicou o seu Teatro Completo. Grazas a Camiño Noia, por levarme a disertar sobre as Vingadoras de Pardo Bazán na Universidade de Vigo, na Facultade de Tradución e Interpretación, da que foi Decana.

Outros artigos (en construción)

  • "La piedra angular" (UNED,2001)
  • "Las mieles conyugales" 
  • "El Naturalismo y la Novela"
  • Emilia Pardo Bazán en el Ateneo de Madrid (UNED,2003)


Comentarios

Entradas populares